
Fíxose balanzo destes meses, recoñecéronse erros, puxéronse en valor os acertos e situouse a mirada no futuro. Hasier Arraiz, presidente de Sortu, recoñeceu que teñen por diante retos importantes e que estes requiren «unha nova cultura política». Os primeiros pasos para esta refundación danse asumindo que hai unha data no calendario que marca a primeira etapa: 17 de novembro, congreso do partido. Desde agora e até entón hai unha nova equipa que vai dirixir o proceso, entre os que están Miren Zabaleta e Pello Otxandiano, que marcaron dous obxectivos claros: unha necesaria reflexión colectiva e impulsar novas prácticas políticas, novas formas de militancia.
Para avanzar nese camiño, sinalaron, cómpre a participación activa das bases, a transparencia para recuperar a confianza e que o proceso sexa innovador. O principal do proceso decorrerá pasado o Congreso de novembro e prolongarase até a conferencia política que Sortu prevé facer en 2017. Houbo chamados a esa parte da sociedade vasca que apostou no cambio de estratexia da esquerda abertzale mais que «puido ficar desilusionada». Asimesmo, Sortu renovou o seu compromiso independentista e considera que Euskal Herria «precisa un rexurdimento social e político». O que teñen claro, afirman, é que «seguir como até agora non é unha opción. Nin para nós nin para o resto. Depender da vontade do Estado é renunciar á nosa nación e á democracia». / Fonte: Sermos Galiza