Despois de máis de sete anos de guerra global, o Estado Sirio está a conseguir imporse no terreo e a avanzar nos procesos de reconciliación nacional encamiñados a fechar, máis cedo que tarde, a gravísima situación que vive desde que a mal chamada «primavera árabe» se converteu en conflito armado.
Desde o primeiro momento, en Mar de Lumes analisamos aquelas falsas primaveras como unha operación de inxerencia en que participaban tanto potencias rexionais como globais, todas con axenda propia e todas interesadas en destruir e, eventualmente, partir en anacos a incómoda Siria.
Para analisar a situación actual, que está xa fora dos focos mediáticos, voltamos contar desta volta co doutor en xornalismo, investigador en comunicación e propaganda e correspondente de guerra Pablo Sapag, un dos autores que mellor coñece esas claves internas do país que a miúdo fican fora do discurso mediático, e que xa tiña estado connosco en Pontevedra no mes de xuño. Naquela ocasión foi para apresentar o seu libro sobre o conflito: Siria en perspectiva. De una crisis internacionalmente mediatizada al histórico dilema interno.
Nesta ocasión, na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, Sapag explicou os pormenores dos tres únicos frentes abertos de que aínda quedan, do total de dezasete que chegou a haber, e afondou no envolvemento directo dos Estados Unidos e Turquía co desenvolvemento deses tres puntos de combate. Falou ademais dos procesos de reconciliación nacional lanzados desde o Estado, e da paulatina normalización das condicións de vida: acceso a electricidade, auga corrente, rehabilitación de vivendas, etc., así como do impacto na economía do país – calculado en tres veces o PIB da Siria. En todo momento, Sapag ligou os avanzos destes procesos de normalización a unha característica esencial da Siria que, polo xeral, é deixada á marxe ou minusvalorada pola prensa occidental: a sua total multi-confesionalidade e multi-culturalidade. / Ver: mardelumes.org
quarta-feira, 31 de outubro de 2018
«Síria por trás do foco» (crónica)
Etiquetas:
Crónica,
encontro,
Galiza,
guerra de agressão,
imperialismo,
Síria