Encausados na ‘Operación Jaro’ afirman nunha comparecencia pública que o independentismo «gañou un pulso» ao tribunal español. Anuncian iniciativas e accións a desenvolver nestes meses, entre elas unha denuncia perante a ONU, para lograr agora que se arquive o proceso contra os 9 independentistas para os que se manteñen as acusacións de «integración en banda armada» e «enaltecemento do terrorismo».
«É un duro golpe ao entramado terrorista», afirmou Santiago Villanueva, delegado do goberno español en Galiza, en outubro de 2015 a raíz da operación policial que detiña 9 militantes de Causa Galiza e levaría a suspender a organización. Trece meses despois da prohibición das súas actividades, Causa Galiza recupera a condición de organización política legal. A Audiencia Nacional deixa sen efecto a suspensión cautelar da organización independentista, decretada por este mesmo órgano por un período dun ano e con posibilidade de o prorrogar a outro.
A decisión de devolver a Causa Galiza a condición de organización política legal adóptase após solicitar a representante legal da organización independentista que «se deixe sen efecto a suspensión cautelar». Unha petición da cal o Xulgado de Instrución deu coñecemento ao Ministerio Fiscal, que non se opuxo á mesma. Deste xeito, cesa a ilegalización de facto de Causa Galiza, unha demanda partillada por ducias de axentes políticos e sociais que nestes meses solicitaron a fin desa suspensión. / VER: Sermos Galiza
terça-feira, 27 de dezembro de 2016
AN revoga a «ilegalización» de Causa Galiza mais mantén o proceso contra 9 dos seus militantes
Etiquetas:
fora de Euskal Herria,
ilegalizações,
Notícias,
Repressão