Máis de 800 persoas procedentes dos diferentes territorios de Euskal Herria tomaron parte na asemblea que Sortu realizou este sábado en Gasteiz coa vista posta na refundación deste partido da esquerda abertzale. Unha cita que decorría baixo a sombra dos malos resultados que EH Bildu rexistrou o pasado 26X [26 de Junho] e que se suman ao decenso nas urnas que os independentistas vascos xa obtiveran o 20 de decembro. Porén, na xuntanza o debate era outro, como recolle Naiz, de carácter estratéxico e relativo ao presente e futuro da formación creada a principios de 2011.
Fíxose balanzo destes meses, recoñecéronse erros, puxéronse en valor os acertos e situouse a mirada no futuro. Hasier Arraiz, presidente de Sortu, recoñeceu que teñen por diante retos importantes e que estes requiren «unha nova cultura política». Os primeiros pasos para esta refundación danse asumindo que hai unha data no calendario que marca a primeira etapa: 17 de novembro, congreso do partido. Desde agora e até entón hai unha nova equipa que vai dirixir o proceso, entre os que están Miren Zabaleta e Pello Otxandiano, que marcaron dous obxectivos claros: unha necesaria reflexión colectiva e impulsar novas prácticas políticas, novas formas de militancia.
Para avanzar nese camiño, sinalaron, cómpre a participación activa das bases, a transparencia para recuperar a confianza e que o proceso sexa innovador. O principal do proceso decorrerá pasado o Congreso de novembro e prolongarase até a conferencia política que Sortu prevé facer en 2017. Houbo chamados a esa parte da sociedade vasca que apostou no cambio de estratexia da esquerda abertzale mais que «puido ficar desilusionada». Asimesmo, Sortu renovou o seu compromiso independentista e considera que Euskal Herria «precisa un rexurdimento social e político». O que teñen claro, afirman, é que «seguir como até agora non é unha opción. Nin para nós nin para o resto. Depender da vontade do Estado é renunciar á nosa nación e á democracia». / Fonte: Sermos Galiza